.

.

Homenaxe a Ramón Antonio Tojo, mestre en Senra nos anos sesenta e setenta

Oroso, 27/08/2016 - Antigos alumnos e alumnas da escola de Senra (Oroso) homenaxearon ao seu mestre Ramón Antonio Tojo García, que traballou no centro escolar entre os anos 1967 e 1976. Foi unha xornada de reencontro na que rememoraron vivencias e recoñeceron unha vez máis a gran vocación pedagóxica do seu mestre. 
Natural de Touro, Tojo García, que na actualidade ten 87 anos, é lembrado como un dos mellores mestres que pasou polo municipio de Oroso. Os antigos alumnos e alumnas comentan que sempre estaba intentando motivalos para aprender, con métodos que ademais resultaban moi efectivos. Por exemplo, emulaban o por aquel entón afamado concurso televisivo ‘Cesta y puntos’, de maneira que “os rapaces e rapazas estudabamos máis que se fose para un exame, porque nos retaba por aldeas, dábanos vergoña fallar preguntas en público e ademais había premios”, afirma Eduardo Veiras, un dos antigos alumnos e actual concelleiro de Obras e Servizos de Oroso. 

Non obstante, se algo permanece na lembranza dos veciños da zona son as obras de teatro que dirixía o mestre e que preparaban con gran dedicación entre todos. Polo escenario dos afeccionados de Senra pasaron títulos como ‘Os vellos non deben de namorarse’, ‘O rei da carballeira’ ou ‘Un ovo de dúas xemas’. Tojo García sementou así un grande interese pola cultura entre a poboación da zona.
Publicar un comentario