.

.

Teo abre o 1 de setembro a inscrición nas actividades deportivas e culturais

Teo, 26/08/2016 - O Concello de Teo abre a partir do 1 de setembro, o xoves da vindeira semana, o prazo de inscrición nas actividades deportivas e nas escolas culturais municipais para o novo curso 2016-2017. O prazo rematará o día 15 de setembro, se ben a admisión de participantes efectuarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes no rexistro municipal. A relación de admisións será publicada o 21 de setembro. O curso comeza a partir do 1 de outubro e remata en xuño de 2017. 

Deportes

As Escolas Deportivas Municipais ofrecen dezaoito propostas para nenos e nenas entre os 3 e os 16 anos de idade, con máis de 600 prazas. O concelleiro de Deportes de Teo, Jorge Carballido, explica que “quizais poidamos considerar as escolas deportivas municipais de Teo como as de máis variedade de toda a comarca”. O edil destaca que as novas escolas deportivas foron conveniadas con clubs do municipio, mentres que as modalidades nas que non existe un club local seguirán sendo ofertadas co servizo contratado polo Concello. “En Teo ninguén queda sen poder practicar deporte de calidade”, sintetiza Carballido. 

Deste xeito, as modalidades que se impartirán son as de patín, tenis, atletismo, bádminton, baile infantil, pádel, judo, xadrez, bicitrial, taekwondo, psicomotricidade, baloncesto, beisbol, karate, esgrima, minitenis, tiro con arco, ciclismo, billar, rugby e fútbol americano. Segundo as especialidades, os lugares que acollerán as actividades son os polideportivos de Calo, da Ramallosa e dos Tilos, as Casas Comúns de Oza e dos Tilos ou o campo de fútbol de Cacheiras. 

Seguindo coa oferta deportiva, as actividades para persoas adultas abranguen ximnasia, movemento con música, exercicios de relaxación e tenis. Están previstas nos pavillóns dos Tilos e de Calo, no ximnasio do colexio dos Tilos e nas Casas Comúns de Oza, Rarís, A Torre e Lampai. A oferta suma unhas 300 prazas. Durante o curso, tamén se abrirán prazos de inscrición específicos para a liga de fútbol sala no pavillón dde Calo e para a liga de tenis de mesa nos Tilos. 

Tanto as escolas deportivas como as actividades para adultos teñen un custo de 60 euros anuais por persoa. O pagamento terá que facerse efectivo entre o 21 e o 29 de setembro no banco ou mediante transferencia. O resgardo débese entregar ou enviar por correo electrónico ao departamento de Deportes para obter o xustificante que se lle debe presentar ao persoal técnico o primeiro día de clase. Existe tamén a opción de pagar en tres prazos, co segundo periodo na primeira quincena de xaneiro e o terceiro na primeira quincena de abril. 

Escolas Culturais

As escolas culturais municipais para o novo curso compóñense dun obradoiro de artes plásticas con clases nas escolas do Ameneiro (Calo) e de Tras do Eixo (Cacheiras), un obradoiro de artes escénicas no centro sociocultural da Ramallosa, un obradoiro de guiterra na Casa Común dos Tilos, e un obradoiro de pre-circo na Casa Común Marisa Mirás.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición nas escolas culturais, o 15 de setembro, publicarase a relación de admisións o 21 de setembro e a matrícula terá que formalizarse entre o 21 e o 29 de setembro, pagando a taxa correspondente. As escolas culturais do Concello de Teo teñen un prezo de 20 euros trimestrais, con pagamentos entre o 21 e o 29 de setembro, na primeira quincena de xaneiro e na primeira quincena de abril.

O Concello recomenda consultar as distintas exencións e bonificacións existentes nas matrículas, segundo a situación socioeconómica das persoas participantes.
Publicar un comentario